A saúde mental nos cárceres

Programa: 
Onda ODS

Os problemas de saúde mental centran a maior parte das patoloxías presentes nos reclusos. A estes súmanse, ademais, as adiccións. Os centros penitenciarios constitúen unha oportunidade para o coidado da saúde mental dos presos. Sen embargo, son moitos os expertos que denuncian desigualdades no acceso á asistencia sanitaria na saúde mental nestes centros. O doutor Tejerina, médico rural agora xubilado, colabora co Observatorio de Derechos Humanos y Libertades de Castilla y León, visita cárceres e presos e denuncia, por exemplo, que no cárcere de Teixeiro na actualidade “só hai dous médicos para atender a novecentos presos”. Gonzalo Tejerina cualifica a saúde dos presos españois como catastrófica, diante desta situación o doutor aposta por un sistema de autoxestión da saúde como ferramenta de resistencia. Non é unha tarefa sinxela. Co obxectivo de analizar a atención á saúde mental das prisións españolas, a Sociedade Española de Psiquiatría Legal e a Sociedade Española de Sanidade Penitenciaria veñen de elaborar o ‘Libro branco sobre a atención sanitaria ás persoas con trastornos mentais graves nos centros penitenciarios de España”. O informe reflicte que, no 2023, a atención sanitaria penitenciaria comparte a mesma escasez de médicos de atención primaria e psiquiatras que o sistema nacional público de saúde. O obxectivo deste estudio é evidenciar os desafíos e as necesidades non satisfeitas, facer recomendacións e propoñer solucións que, dende a perspectiva de expertos, servan para mellorar a saúde mental das persoas que ingresan en prisión. “Arredor de un de cada dous internos padecen de problemas de saúde mental, depresión, procesos psicóticos, esquizofrenia e patoloxías asociadas a adicción a sustancias psicotrópicas. Estas persoas están nun bucle do que é moi difícil saír, porque non teñen atención especializada” afirma o doutor.