Sons de Nós con Sofía Espiñeira

Programa: 
Sonsdenós

Sofía Espiñeira forma parte dese grupo de mulleres novas que están a encher o panorama musical galego de propostas do máis variado e novidoso.

A formación de Sofía, non precisamente musical, achegouna, sen embargo aos escenarios. Cando estaba a rematar os seus estudos de xornalismo, fórmase en danza e técnicas circense e máis tarde no mundo do teatro. Dende 2010 unha importante parte do seu desenvolvemento profesional xira ao redor de proxectos de danza, circo e teatro. 

A entrada no mundo da música é pola porta grande, porque no 2015 da o seu primeiro concerto e ese mesmo ano gaña o Certame da Canción de Autor do Concello de Teo. 

Isto, que podería parecer anecdótico, é o que lle permite lanzar o seu primeiro traballo discográfico "Alá onde agroman as herbas”. Unha meteórica carreira que a fixo merecedora do Premio Martín Códax da Música no 2022 no apartado de Canción de Autora, un premio enormemente aprezado pola artista xa que ven dos compañeiros e compañeiras de profesión.

Agora mesmo está en pleno lanzamento do seu último traballo, “Xeografías”, que Sofía define como as paisaxes internas máis íntimas, as que quedan escondidas dentro dos tecidos, rexistradas. É a memoria da dor. A memoria do propio corpo. Un mapa cantado. Unha catarse. 

Fotografía: Onda ODS